San Pablo 2023: xuntos facendo Colexio

28/06/2023
San Pablo 2023

O pasado xoves, 22 de xuño, máis de douscentos colexiados e familiares déronse cita nas instalacións de Palexco na Coruña, para asistir aos actos conmemorativos da festividade de San Pablo, patrón da profesión.

O inicio da celebración estivo protagonizado polo acto de benvida aos colexiados que se incorporaron ao Colexio desde a celebración de San Pablo 2022 ata a data. Carlota Brea, a colexiada a encargada de pronunciar unhas palabras en representación dos novos colexiados, afirmou na súa intervención o sentirse orgullosa de formar parte dun Colexio “que sei que cando o necesite estará aí para guiarme, acompañarme e axudarme”. “Máis aló da formación e a información permanente que nos ofrece o Colexio, foi sentido o sentido de pertenza a un grupo con intereses comúns e o sentirme acompañada e arroupada pola Institución o que motivou a miña colegiación”, concluíu.

O acto, conducido pola xornalista Loreto Silvoso, continuou coa entrega dos títulos do Máster en Fiscalidade e Tributación que desde 2007 vén impartindo o Colexio, recibindo nesta ocasión o seu diploma os alumnos da décimo quinta promoción.

Agustín Fernández, director do Máster, dirixiu as súas palabras aos alumnos animándoos “en primeiro lugar, a crer en vós mesmos: tede plena confianza na experiencia e os coñecementos adquiridos durante o período lectivo; e, en segundo termo, a que fomentedes o factor humano mantendo o contacto e estreitando os lazos que formastes que vos permitan, nun momento dado, levantar o teléfono para resolver calquera dúbida profesional que vos poida xurdir, que xa vos adianto, xurdiravos en máis dunha ocasión”.

O alumno que falou en representación dos seus compañeiros, Santiago López González, resaltou nas súas palabras o grupo humano formado por xente moi heteroxénea, así como a calidade persoal e profesional dos relatores, e animou aos seus compañeiros a “traballar con afán por unha profesión que vale moito a pena”.

O acto central do evento constituíuno a homenaxe aos 57 colexiados que ao longo do ano cumpriron un cuarto de século de pertenza ao noso Colexio. Tras a entrega do diploma e a insignia do Colexio, foi Pilar Basanta encargada de tomar a palabra en representación dos seus compañeiros. No seu discurso sinalou o profundo cambio que tanto a sociedade como a profesión experimentaron nestes últimos 25 anos, “cambios aos que os economistas soubemos adaptarnos, crecer e situarnos para converternos en actores crave na toma de decisións que impactan de maneira positivos na sociedade”. Finalizou resaltando a importancia da colegiación e animando aos novos colexiados a aproveitar ao máximo a institución.  

O acto pechouse coa intervención do decano do Colexio, Miguel A. Vázquez Taín, quen, tras felicitar a todos os homenaxeados agradeceu especialmente a fidelidade demostrada durante 25 anos polos colexiados máis veteranos, “pois máis aló da súa pertenza ao Colexio, é de agradecer o seu traballo durante este cuarto de século para facer unha sociedade mellor”.

Quixo reivindicar así mesmo a figura do economista colexiado, “para pór en valor o noso traballo ante a profesión e ante a propia sociedade, pois o noso esforzo diario achega un granito de area para a súa mellora”. Vázquez Taín pechou a súa intervención dirixíndose aos novos colexiados, reclamándolles participación e implicación na vida colexial: “aproveitádenos e participade en todas as nosas iniciativas”, terminou.

O acto concluíu coa intervención de Diego Calvo Pouso, Vicepresidente Primeiro da Xunta e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen agradeceu ao Colexio a invitación para participar na o acto, “e aínda que hoxe é o seu día grande quero pór en valor o traballo que o Colexio, o meu Colexio, realiza todos os días do ano”, indicou. Concluíu as súas palabras destacando a importancia da profesión de economista para “dotar de ferramentas a cidadanía e as administracións na construción dunha realidade económica estable”.

Á celebración asistiron representantes da administración autonómica e local, de entidades financeiras e organizacións empresariais ou do ámbito universitario, tales como o mencionado Diego Calvo; Miguel Corgos López-Prado, Conselleiro de Facenda e Administración Pública; Gonzalo Trenor López, delegado territorial da Xunta na Coruña; Eva Fernández Vale, Directora provincial do INSS na Coruña; Miguel Planas Roca, Director Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na Coruña; ou Carmen Lema Fernández, nova Decana da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, entre outros.

A celebración de San Pablo finalizou cun coctel no que todos os asistentes tivemos a oportunidade de compartir uns momentos de proximidade e, en definitiva, de seguir FACENDO COLEXIO.

* Pica na imaxe para ver a galería de fotos

Economistas Coruña San Pablo 2023