A revista dixital do Colexio, AROEC, publica o seu segundo volume de 2023

28/07/2023
AROEC

O pasado 14 de xullo foi publicado o segundo volume do presente ano da revista de índole científica do Colexio, AROEC (Atlantic Review of Economics http://aroec.org) que reúne un total de catro traballos de investigación -provenientes de tres universidades españolas e un de México- cuxos títulos son os seguintes:  

•    “Eficiencia da banca estranxeira en España. Análise Envolvente de Datos e Índice de Produtividade de Malmquist”, traballo no que se detecta un aumento na eficiencia da banca estranxeira en España no denominado período precrisis, 2000-2008, e unha deterioración no período poscrisis, 2008-2020.
•    “Fundamentos da Escola Austriaca sobre o capital e os ciclos económicos e invitación ao diálogo coa síntese neoclásica”, onde se realiza unha revisión de fundamentos económicos e invitación ao diálogo entre escolas económicas para unha mellor comprensión e xestión dos ciclos económicos.
•    “Índices de competitividade da produción mexicana de carne de porco no mercado internacional”, paper que avalía tanto a posición e tendencia da competitividade da carne de porco en canle de México fronte á oferta externa, como a relación entre esta vantaxe mercantil, a produción e a exportación nacional.
•    “Modelización do impacto dos impostos e os incrementos de capital na oferta laboral”, estudo que propón un modelo integral de traballo-lecer co obxectivo de analizar o impacto dos cambios na riqueza na oferta laboral.

O pasado mes de xaneiro AROEC publicou como primeiro volume de 2023 un Número Especial que recolle doce traballos presentados no II Foro de Economía Prospectiva de Galicia (Universidade Internacional Menéndez Pelayo, outubro de 2021) mentres que o próximo mes de decembro está prevista a publicación dun terceiro volume para pechar o ano. 

Desde o seu nacemento, a revista publicou un total de 316 papers, 142 dos cales proveñen do continente americano, 134 de Europa, 31 de Asia e 9 de África.