Bolsas Economistas 2021

A Fundación Unha Galicia Moderna, entidade vinculada ao Colexio de Economistas da Coruña, pon en marcha o Programa de Bolsas Economistas 2021 cuxo obxectivo é proporcionar aos recentemente titulados aqueles coñecementos, habilidades e aptitudes necesarias para preparar a súa inserción no mercado laboral, aprendendo e poñendo en práctica técnicas e ferramentas útiles para o seu ulterior desenvolvemento profesional.

O programa está dirixido a titulados universitarios de calquera dos graos que dan acceso á colegiación (ADE, Económicas, Ciencias Empresariais, en definitiva, todas aquelas titulacións oficiais relacionadas co ámbito da economía e a empresa), menores de 31 anos, e que posúan como máximo 3 meses de experiencia profesional acorde á titulación requirida.

Para formar parte do Programa de Bolsas Economistas 2019 da Fundación Unha Galicia Moderna é preciso entregar a seguinte documentación na sede do Colexio na Coruña (C/ Cabaleiros, 29 - 1º, 15009 A Coruña) ou ben, enviala por correo electrónico á dirección fundacion@unagaliciamoderna.com.

 

  1. Formulario de solicitude habilitado debaixo na sección “documentos”.
  2. Copia cotexada de documento acreditativo da titulación que lle habilita para a colegiación (na sede do Colexio pódese compulsar esta documentación gratuitamente).
  3. Fotocopia do DNI.
  4. Currículo Vitae actualizado.
  5. Fotocopia da tarxeta de renovación trimestral da demanda de emprego no Servizo  Público de Emprego de Galicia (SPEG).
  6. Certificado de vida laboral.