Entrega de títulos as tres últimas promocións do Máster en Fiscalidade e Tributación

05/07/2022
Acto

O pasado venres tivo lugar, nas instalacións do Hotel Finisterre da Coruña, a entrega dos títulos aos alumnos das promocións das edicións 12ª, 13ª e 14ª do Máster en Fiscalidade e Tributación, actos aprazados no seu momento a consecuencia da pandemia.

Deste xeito, un total de 32 alumnos puideron ao fin recibir a súa banda e o seu diploma acreditativo, nun acto que abriu Agustín Fernández, director do Máster, quen inicio a súa alocución felicitando a todos eles “por superar unha formación que, cónstame, esixe un notable esforzo ao longo de moitos meses”

Sinalou posteriormente que, tras cursar este Máster, os alumnos están suficientemente preparados para “saltar á area tributaria” e exercer profesionalmente a fiscalidade en calquera dos ámbitos de actuación dun fiscalista, aínda que “é máis que necesario que continuedes coa vosa preparación, a formación de reciclaxe ha de ser permanente neste ámbito, pois esta profesión que elixistes require dunha constante actualización dos coñecementos”, lembroulles.

Tras a entrega dos diplomas a cada unha das promocións, un representante dos alumnos de cada edición tomou a palabra comezando, en primeiro lugar, Anxo Losada, alumno da 12ª edición, quen se dirixiu aos seus compañeiros indicando que encamiñen o seu desenvolvemento profesional “cara a un modelo ético e de boa práctica profesional e persoal”.

Sara Ruadas, representante da décimo terceira edición, lembrou os momentos de zozobra que pasaron cando se produciu o confinamento de marzo a xuño de 2020: “Que vai suceder coa nosa formación? Preguntámonos naqueles momentos nos que todo era incerteza”, indicou, para agradecer, a continuación, ao Colexio a rápida solución ofrecida para renovar as clases e reivindicar “a capacidade de resiliencia que demostramos ao adaptarnos ao formato online, moito máis esixente que o presencial”.

Por último, Rebeca Veiga, en representación da edición 14ª, indicou nas súas palabras que “cursar o Máster foi unha experiencia enriquecedora”, para finalizar sinalando que “a dedicación e o esforzo sempre ten a súa recompensa”.

O acto pechouse coa intervención do decano do Colexio, Miguel A. Vázquez Taín, quen dirixiu unhas breves palabras a todos os presentes, na cales quixo resaltar o papel pedagóxico que desenvolven os asesores fiscais, “en clave social, pois contribúen á difusión de conceptos económicos entre os cidadáns”, así como ao traballo levado a cabo “por todos os economistas durante estes dous anos longos de pandemia”. Finalizou resaltando a figura do economista colexiado, “unha diferenciación que achega un plus de calidade e credibilidade ao seu traballo”.

Á finalización do acto todos os asistentes puideron gozar dun cóctel e compartir un tempo de convivencia que todos desexaban e necesitaban.